Encoro de Eiras 2
Fornelos de Montes, Pontevedra ·

- Distancia
- 14,15km
- Tempo
- 6:03
Volvemos por segunda vez ao encoro de Eiras en Fornelos de Montes. Se na primeira visita a este encoro deixáranos moi satisfeitos a experiencia, nesta ocasión, cunha maior cantidade de auga (excedendo polos aliviadoiros da presa), superou con fartura as nosas expectativas. Sen dúbida, finalizando o mes de abril é unha boa data para visitar este encoro e poder gozar dun nivel máximo de auga, o que abre a posibilidade de ter máis metros navegables tanto no río Oitavén como especialmente no río Barragán.
Como na outra ocasión, tras deixar atrás as instalacións do complexo náutico dirixímonos cara ao río Oitavén. Polo traxecto aproximámonos a unha pequena fervenza formada polo Regueiro de Casero que tamén verte as súas augas no encoro. Máis adiante, atopámonos novamente coa masa flotante de restos vexetais pero nesta ocasión había a posibilidade de bordeala, navegando sen dificultade por un lateral, aínda que é certo que a escasos metros acábase a posibilidade de seguir avanzando, merece tanto a pena a beleza da contorna que decidimos facer a nosa parada para xantar, sentados sobre pedras na beira do río.
Retrocedendo sobre o xa navegado seguimos a nosa travesía para bordear a península que se forma neste encoro. É practicamente inevitable atoparse coa illa que xa visitaramos anteriormente, pero nesta ocasión sorprendeunos ver que estaba acondicionada de forma artesanal para realizar algún tipo de actividade social. Deixando atrás esta enigmática illa, volvemos desfilar por diante da estrondosa presa para a continuación dirixirnos á ponte da estrada nacional, co río Barragán como destino.
Sen dúbida, a mellor parte desta travesía está ao final. A incursión río arriba co encoro cheo foi unha experiencia fabulosa que non puideramos realizar na nosa primeira visita. Tras zigzaguear coas nosas táboas entre árbores e ramas ao principio desta parte do encoro, alcanzamos unha zona onde puidemos percorrer un pequeno tramo do río coas árbores de ribeira formando un corredor de luces e sombras. Tras superar unha pequena presa, a poucos metros finalizou a aventura por falta de navegabilidade pero desde logo mereceu moito a pena esta exploración ao final da nosa travesía no encoro de Eiras.
Música: Neural Paths (Instrumental) de One Man Book



















