Este verán foi bastante seco e os encoros en xeral estaban a niveis moi baixos e algúns con prealerta por seca, como era o caso do Encoro de Eiras en Fornelos de Montes e Ponte Caldelas. Pero 15 días de choivas intensas foron suficientes para subir o seu nivel ao 80% da súa capacidade, o seu tope nesta época do ano que garante o abastecemento de auga potable á cidade de Vigo e concellos veciños.
A presa foi finalizada en 1977 e aproveita as augas provenientes do río Oitavén e do río Barragán entre outros. Algo bastante interesante deste encoro, é o anaco de terreo similar a unha península que alberga a aldea de Oitavén de Abaixo. Na parte onde conecta coa estrada, temos a man dereita unha pequena área recreativa desde onde decidimos iniciar a nosa travesía, pero o curioso esta a man esquerda, a pouco máis de 80 metros andando desde o punto de partida podes acurtar a travesía sen necesidade de volver remando e permítenos percorrer todo o encoro en poucas horas, algo bastante interesante cos días tan curtos despois de estrear recentemente o horario de inverno.
Outras curiosidades… a escasos metros do punto de inicio pasarás preto das instalacións dun complexo náutico onde se pode practicar cable-esquí, modalidade para esquiar sobre a auga sen a necesidade dunha embarcación. Coidado coas quillas neste punto, unhas liñas de boias acordoan a zona e probablemente debas pasar por enriba do cable, sendo coidadoso non ten dificultade. Tamén hai que estar atento ás beiras, hai diversas zonas por todo o encoro onde as ramas de árbores emerxen desde o fondo, son perfectamente visibles e non hai dificultade para realizar o percorrido evitándoas. Máis datos interesantes, neste caso cremos que circunstanciais, atopámonos flotando unha masa densa de restos de follas, pequenos paus e material vexetal que reunidos pola acción do vento non nos permitiu achegarnos ao lugar onde verte as augas o río Oitavén no encoro.
Para xantar eliximos a pequena illa que hai pouco antes de chegar á presa, desembarcamos comodamente ao sur da mesma onde vos aconsellamos facer unha pequena exploración entre a vexetación mentres deixades voar a vosa imaxinación. A continuación, pasamos relativamente afastados da presa do encoro, este tipo de infraestruturas sempre impón bastante respecto e máis aínda escoitando como desauga. Finalmente, tras pasar por baixo da ponte da estrada exploramos a parte navegable do río Barragán.